O ano pasado os compañeiros e compañeiras de 2º B do Tirso de Molina coñecemos a unha nena nova que se chama Nuria. Nuria é de Barcelona e veu vivir a Ferrol polo traballo de seu pai. Cando chegou, Nuria estaba un pouco triste, pois todo era demasiado descoñecido para ela e botaba moito de menos todo o que deixara por alá. A nosa profe pediunos que tratásemos de acollela con agarimo, cousa que non nos custou un chisco, pois todos os galegos e galegas somos persoas abertas e agarimosas. Así que, axiña Nuria fíxose unha máis da clase, e entre todos amosámoslle todos os tesouros da nosa terra: o fermoso verde das nosas leiras, a preciosidade das nosas praias, a delicia da nosa comida, a beleza das nosas tradicións, a variedade da nosa música e a riqueza da nosa lingua.
Co tempo chegou o Entroido e a profe falounos das diferentes formas de celebralo nos distintos puntos de Galicia. A Nuria chamoulle moito a atención o asunto dos peliquieros de Laza, ata tal punto que quixo disfrazarse así para o baile de Entroido do colexio. Súa nai e ela púxeronse a buscar o disfrace por canta tenda hai en Ferrol, mais non o atoparon. Pero como Nuria desexaba ser unha peliqueira más que nada no mundo, puxéronse mans á obra para facelo. Tiveron que facer moitas pescudas para confeccionalo. E colgaron cencerros no cinto, e mercaron unha gravata, e ata fixeron a carauta!
Nuria veu á festa do colexio e ninguén a coñecía. Todos nos preguntabamos quen sería a persoa que estaba debaixo do disfrace de peliqueiro, que, por certo, estaba tan ben feito, que levou o primeiro premio. Cando foi recollelo, o director pediulle que amosase a cara. E todos púxemonos moi contentos ao ver a Nuria. A nosa nova amiga era xa moito coma nós, unha galega máis.
Nenos e nenas de 2ºB de Educación Primaria
Etiquetas: Unha galega máis
Entrada más reciente Entrada antigua Inicio
0 comentarios:
Publicar un comentario