Non entendo coma aínda queda xente que pense que Galicia da vergoña, que queiran esconder o típico acento galego, a nosa historia…

Eu penso que se unha persoa renega da sua lingua, do seu acento e da súa terra, está renegando de sí mesma; por iso síntome moi mal cando escoito cousas de este tipo:
- “Yo no me siento orgullosa de ser gallega”.
- “Vaya acento gallego que tiene ese…”
- “Yo no soy gallego, soy de España”.
- “Que aldeana esa…”, etc.

Xa sabemos que toda esta vergoña foi ocasionada polos anos de represión que desgraciadamente sufríu a nosa lingua e a nosa cultura. Pero hoxe en día, afortunadamente, temos uns dereitos recoñecidos, e tanto o uso da lingua galega coma as manifestacións culturais dos galegos gozan de liberdade.

Todos deberíamos loitar para que cada vez sexa máis valorada a nosa identidade como “pobo galego” xa que temos millóns de motivos para estar orgullosos de selo; senon, mirade:

Paisaxes: en Galicia existen as vilas e lugares máis fermosos que un se poida imaxinar, tanto na costa coma no interior.

Cultos e romarías: dende o culto ao Apóstol Santiago, ata centos de romarías en pequenas vilas galegas, unha tradición de séculos.

Festas e celebracións: Galicia conta con numerables festexos e ofertas de ocio.

Gastronomía: gozamos dunha amplísima gama de produtos galegos recoñecidos no mundo enteiro.

Vendo todo isto non vos entran ganas de dicir en voz clara e moi alta: son galego, e moi orgulloso de selo, porque ser galego é ser único e extraordinario.

Mónica Román Pardo 1ºC Bach.

Gonzalo Torrente Ballester (13 de Xuño de 1910 Serantes, Ferrol- Salamanca, 27 de enero de 1999), profesor, novelista, crítico, autor dramático, e xornalista , encadrado na Xeración do 36.

Entre os escritores españois do século XX, Gonzalo Torrente Ballester representa ademais dunha das cimas da narrativa, a introdución da imaxinación na literatura en lingua española. O carácter intelectual e fantástico da súa obra, sumado á súa esencial ironía, define unha produción literaria creada dende a intelixencia e a constancia.

Nado en Serantes (Ferrol) en 1910, o seu imaxinario fórmase nun espazo de natureza contraditoria: por un lado a aldea galega, territorio da imaginación, a maxia e a superstición; por outro a cidade militar, departamental de Ferrol, reino da razón, a norma e a lóxica. Este espazo de formulacións antitéticas conforma a personalidade dun neno curioso, un mozo inquedo e un ávido lector, marcándoo con pegadas indelebles, visibles aquí e aló na súa literatura.

Ballester, ferrolán de pura cepa,considera Ferrol coma un mundo a parte dentro de Galicia, unha cidade racionalista, matemática, cunha xerga e uns costumes propios.

Como apunta na entrevista realizada por Radio Televisión Española o 2 de Abril de 1976 , Ferrol confiriulle a razón e a fantasía que lle caracterizan, e que lle levaron a practicar o ensino e a escritura; nesa mesma entrevista fala sobre a súa procedencia :

“O meu pai era mariño, vivíamos en Ferrol ,a familia da miña nai vivía nunha aldea veciña, eu vivía nas dúas casas , e a aldeita que se chamaba Los Corrales no municipio de Serantes, pois era un pouco de Idade Media , atrasada, nun val precioso onde se mesturaba a montaña, o val,a chaira cultivada,o bosque , o río, e moi preto a mar,pero o curioso é que a distancia entre este mundo , completamente medieval e o mundo moderno era en liña recta un kilómetro , dende o balcón da casa da miña avoa eu vía os venres como os reflectores dos acoirazados facían exercicios lanzando o feixe de luz sobre as nubes cunha especie de arco que unía a actualidade co pasado, e onde tiven a fortuna de estar rodeado dunha ducia de persoas, os meus avós, as miñas tias,e mesmo os esmoleiros que chegaban á miña porta e entre os cales había cinco ou seis que eran uns incribles narradores , ós cales eu escoitaba dende a cociña nas noites de inverno embobado, contando toda clase de lendas, historias de ladróns, de aparecidos, de mortos…”

Acerca del…

Comezou os seus estudos no Colexio da nosa Señora da Mercé agora Colexio Tirso de Molina de Ferrol. Estudou o bacharelato na Coruña, como alumno libre. En 1921 a súa miopía impediulle iniciar a carreira militar na Mariña. Ó ano seguinte morreu o seu avó Eladio, home que influíu notablemente na súa formación; regaláronlle coma consolo o seu primeiro Quixote; resultou ser un lector inquieto e voraz e en 1926 matriculouse por libre na Universidade de Santiago de Compostela.

A continuación, unha entrevista realizada a María del Carmen Arcos Gómez, que foi concelleira do Concello de Ferrol entre os anos 1981 e 1995 e deputada provinzal entre os anos 1987 e 1991. Coñeceu persoalmente a Don Gonzalo Torrente Ballester, do que ten moi boas lembranzas.

* Cal foi o seu primeiro contacto con Torrente?

Estando de concelleira da oposición no ano 1986 , nunha recepción mantiven unha conversación con el ,na que, un pouco apenado ,comentoume que na súa cidade natal, nunca o homenaxearan. Eu, que son moi espontánea, prometinlle que se o partido político o que eu pertencía chegaba ó poder faríamoslle unha homenaxe na súa casa natal. En 1987 o partido o que pertencía puido formar goberno e puxémonos en contacto con el; organizamos un acto que consistiu nunha recepción no concello, o descubrimento dunha placa conmemorativa do seu nacemento na súa casa, en Serantes, no que hoxe é o Mesón “ El escudo”, coa presenza das autoridades políticas e militares da cidade e o presidente da Diputación provinzal da Coruña.

* Como o definiría?

Sen crerme unha experta na súa obra, nin moito menos,encantábame charlar con el porque ámbolos dous sentíamosnos moi ferroláns. Persoalmente , considero que exerceu de ferrolán dun xeito incondicional ó longo da súa vida. De feito, aínda que non o nomee, en moitas das súas obras fixo referencia á cidade. En concreto , na obra “ La boda de Chon Redalde”, que el non consideraba unha das súas mellores obras, pero como el comentoume algunha vez, el tiña que alimentar a unha gran prole, e a escritura era o seu oficio. No libro vese reflitida a sociedade de Ferrol, á que chama Villanueva del mar, as súas rúas, as empresas, coma Bazán ,chamado “El rancho grande “,o Casino, a estructura social, os acontecementos máis destacados do momento, coma a explosión do polvorín... Todo isto enmarcándoo na posguerra.Ademais, el afirmaba que canto máis lonxe estaba de Ferrol , máis ferrolán se sentía.

* E , como persoa?

Pois, aínda que asemellaba ser serio, para nada, era graciosísimo, irónico, pero sempre con graza, e con algún pequeno segredillo, coma o de fumar ás agachadas comigo para que a súa muller , Fernanda, no puidese velo.

Realmente , falar con el resulta moi sinxelo, xa que non trataba de darche leccións de literatura, dándose aires de estrela, todo o contrario.

Era tan cercano e sinxelo que cando dende á organización da Semana Santa pediuselle un artigo para a revista , el asegurou que non tiña ningún inconveniente en facelo. Este ano, coma homenaxe dos 100 anos reprodúcese na contraportada este artigo no que manifesta o seu modo de ver da Semana Santa.

* Con cal das súas obras che quedarías?

Sen lugar a dúbidas coa triloxía de “Los gozos y las sombras” que lin moito antes de que fóse levada á pequena pantalla coma unha serie e moito antes de coñecelo persoalmente. É unha obra magnífica. Pero, lémbrome de ter un libro seu asinado.



Carmen Díaz del Río Martinez 1º BACH A

Cristina Díaz-Pache Blas 1º BACH A

Ana Acción Armesto 1º BACH B

Carlota López-Canosa Fernández 1º BACH C

Compostela máxica


O pasado maio, tivo lugar en Santiago de Compostela a xa cuarta Semana Internacional do Ilusionismo. Durante unha semana enteira, as rúas da capital galega enchíronse de peculiares persoaxes que lograban romper coas regras do imposible.
¿Por que é Santiago o punto de reunión dos mellores prestidixitadores do mundo enteiro? A resposta é ben sinxela: Galicia é un lugar máxico.
A sua tradición do enxebre, do misterio, das míticas noites de magos (no seu sentido tradicional), supuxeron a posta en marcha dun proceso de explotación da maxia, xa que, despois da Primeira Semana Internacional do Ilusionismo de Santiago de Compostela, organizáronse outras dúas semanas, pero máis limitadas a magos do ámbito galego, en Lugo e A Coruña. Así leva sendo dende hay catro anos, e polo éxito que estes encontros supoñen, parece que así seguirá.
Entrevistamos a “O Gran Gürtel” un cartomago debutante este ano na Semana Internacional do Ilusionismo de Santiago, e veciño de Ferrol.
¿Fai canto tempo que levas na maxia?
Uf…non penses que demasiado; ou polo menos, para os logros que conseguín como o de participar este ano na Semana Máxica, non levo demasiado…concretamente, en setembro cumpliranse cinco anos dende que decidín tomarme a maxia seriamente; pero cabe dicir, que aos 18 anos xa me sabía algúns trucos, cousas sinxelas…se che son sincero, para coñecer mulleres (ri).
¿Como definiría a maxia?
A maxia para min é un xogo. Xogas creando ilusión; facendo realidades cousas que temos por imposibles; pero non soamente tes que quedarte en crear unha ilusión, tes que presentala como algo que, aínda sendo desconcertante, pareza normal e intencionado.
¿Naces mago, ou aprendes a ser mago? ¿Onde podes aprender maxia?
Home…non sei con exactitude se David Copperfield facía xa grandes ilusións mentres estaba na cuna, pero penso que o máis habitual, sería aprender. E, en canto a lugares onde aprender maxia…o centro de maior prestixio é Howarts; de alí saíron grandes magos coma Harry Potter (ri). Non, bromas á parte; existen centros onde podes estudar maxia, pero sempre requerirás unha base, que na miña opinión, soamente cha conceden os libros; o primeiro é a teoría, e logo práctica, práctica e prácitca.
¿Que é para ti o mellor de ser mago?
As caras de fascinación do público; de feito, foi iso o que me empurrou a dedicarme á maxia: as muecas de asombro, o recoñecemento de ser peculiar; dar a coñecer as múltiples realidades que pode ter unha baralla…
¿Existe unha habilidade necesaria para ser mago?
Mmmmmm…eu nunca estiven dacordo con iso; penso que sobre todo é unha cuestion de persistencia. Acórdome de fai catro anos, cando vía videos de cartomagos que abrían abanicos de cartas cunha habilidade pasmosa, como se fose a cousa máis normal do mundo, e tratando de imitalos, recollín tantas veces a baralla do chan que o final do día tiña a espalda feita po; pero foi o persistir día si e día tamén, que o que me parecía imposible, agora é para min algo normal.
¿Cal é o teu público favorito?
O feminino (ri). Dedícome a un tipo de maxia que require un público preferiblemente maior; mellor dito, que non sexan nenos e nenas pequenos, porque eles asómbranse con grandes ilusións, con facer desaparecer cousas por exemplo, e quizáis, as cartas poden parecer aburridas…pero iso si, a maxia con nenos é fantástica, porque nunca xamáis intentarán estropearte un xogo, sempre están atentos para ver como xorde a maxia….de 12 anos para arriba, a cousa cambia; non lles interesa un mago porque cree ilusión, senon que pensan que todo é mentira e tratan de buscarlle unha explicación lóxica ao que, a simple vista, non o ten.
¿Como te organizas antes das túas funcións?
Non teño un ritual concreto, pero procuro non parar quieto, e en ningún momento pensar en “que pasará alí fora” para non poñerme nervioso, porque non hai actuación que non me faga sudar tinta…non literalmente.
E para terminar…¿débeslle a alguén os teus logros?
A tanta xente… á miña famillia, obxecto de proba de tódolos meus números, a todos os magos profesionais que soportaron o meu acoso durante o inicio da miña apredizaxe máxica; a Xacobe Sanz por esta increible oportunidade que me brindou; a Adri, Pedro…e a todos aqueles que compartiron a sua maxia comigo; moitísimas grazas.



Manuel Correa Álvarez (2º B Bach)

A auga

As tres cuartas partes do planeta son auga e as tres cuartas partes do noso corpo tamén. Sen a auga nos deshidrataríamos. A auga simboliza vida, frescor, tranquilidade, pureza, riqueza… Non se pode derrochar porque en moitos países, coma nos tercermundistas, non teñen auga, aínda que en Galicia a auga é abundante porque chove moito. A auga é necesaria para o coidado das plantas e dos animais tanto na cidade como no campo. Tanto os animais domésticos como os salvaxes precisan dela.

Hai que face-lo posible para aforrala, porque tela é un regalo moi grande, xa que hai xente , e animais, que percorren quilómetros para encontrala.

Pódese aforrar de moitas maneiras:

- Pechando o grifo cando te cepillas os dentes

- Duchándote no canto de bañarte

- Cando te enxabonas pecha-lo grifo

Celia Pérez Souto. 4º primaria -B-




Grazas a todos....

Nacido en Parada do Courel, o 19 de xaneiro de 1930, e finado en Santiago de Compostela o 30 de outubro de 1999. Sendo fillo dunha familia de labregos, O Courel foi o principal referente físico para os seus versos, considerados dos mellores no tocante á paisaxística, dentro da literatura galega.

Rematou o Bacharelato no 1948 en Lugo, e fixo algún curso de Filosofía e Letras en Madrid, onde comezou a escribir poemas en castelán, hoxe perdidos. Fixo o servizo militar en Santiago canda Manuel María, que xa publicara Muiñeiro de brétemas, e no 1952 comezou a escribir en galego, lingua que xa non deixaría nunca. Do 1953 ao 1962 estivo na montaña nativa, recobrándose dunha doenza pulmonar. En 1962 foi para Madrid de novo, e traballou na radio e na televisión. No 1966 regresou ao Courel, onde casou e tivo fillos. En 1983 afincouse definitivamente en Santiago. Foi, ata a súa morte, presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega.

En 1955 publicou Os eidos, poemario con que comeza un ciclo poético que retomará con Os eidos 2. Letanía de Galicia e outros poemas (1974). En 1979 publicou Poemas caligráficos, prologado e ilustrado por Reimundo Patiño. Os textos están vinculados á vangarda pictórica organizada arredor do grupo Brais Pinto. A comezos da década de 1980 recompilou e depurou o seu ciclo courelán, publicando Os eidos. Libro do Courel (1981), que reeditou en varias ocasións. En 1983, afincado xa en Compostela, comezou unha recompilación temática da súa produción poética completa: Muller pra lonxe (1987), poemas paixonais e amorosos e Do Courel a Compostela 1956-1986, poemas políticos acompañados dunha antoloxía crítica. En 1994, logo de varios anos de silencio editorial, editou Poemas de doada certeza i este brillo premido entre as pálpebras, e en 1998 Betanzos: Poema dos Caneiros e Estampas.

A poesía de Novoneyra

Novoneyra sentiu moito e escribiu pouco. A súa obra literaria limítase a media ducia de títulos. Identificouse coas máis fondas raíces da galeguidade e deixou que as sensacións da súa infancia impregnasen todos e cada un dos seus poemas.

Ler a Uxío Novoneyra chega a sobrecoller. A tristura que embargó a súa vida agroma ao longo da súa obra, pois ata a máis vívida e alegre das súas composicións aparece transida por sentimentos melancólicos. Quizais era consciente de que é intento van clamar por casticismos nun mundo cada vez máis unificado en que as fronteiras tenden a desaparecer. Novoneyra na súa poesía, rexeita toda agresión aos campos e montes á agreste natureza que conduce a súa pluma intentando quedar reflectida en cada verso. A súa expresividade é plenamente tenebrista pero enormemente eficaz. Con moi poucas palabras é capaz Novoneyra de transportarnos aos máis ignotos paraxes das forestas de seu Caurel natal. Pero o que sobrecolle non é esta facilidade do poeta para situar o lector ante tales imaxes, senón esa melancolía que tingue cada verso e cada palabra.
A Galicia de Uxío Novoneyra era azul, verde e gris, pero as súas tinturas eran pobres e escuros.
Novoneyra amou a súa lingua materna e rendeulle o maior tributo que estaba ao seu alcance. Rebuscou nos vocabularios aprendidos durante a súa infancia e mocidade e aplicou os seus achados á arquitectura poética. A lingua galega estivo moito tempo afastado dos círculos cultos e precisaba de artífices que a empurrasen cara ao nivel de estruturación que debe lograr calquera linguaxe se non quere extinguirse. Uxío Novoneyra, con un verso máis próximo aos abruptas paisaxes lucenses que a as creacións ortodoxas, achegou á literatura o amor polas pequenas cousas con que a Natureza regálanos cada día, a un tempo que impregna esta proximidade cunha doce saudade por ese mundo que tan próximo está a afastarse e incluso a desaparecer. Grazas a estes autores novas xeracións volven amar a terra e todas as súas manifestacións, e hoxe nos esforzamos por recuperar, manter e restaurar cada anaco da nosa historia. Sen poetas como Uxío Novoneyra isto non sería posible.

Carmen Pérez-Alarcón e Paloma Naveiras (2º B Bach.)

Entradas antiguas