Homenaxeado Letras Galegas 2010


Uxío Novoneyra

(Parada do Courel, 1930 – Santiago de Compostela, 1999)

Uxío Novoneyra, considerado un dos poetas máis relevantes en lingua galega de tódolos tempos, proxecta a súa obra enraizada na tradición e no popular, aínda que con destacadas tonalidades vangardistas nas que destaca o lirismo da palabra.

Fillo de labregos, naceu na montaña lucense, en Parada do Courel, o 19 de xaneiro de 1930, e adicou a súa obra a inmortalizar a fermosa paisaxe da serra. Con 19 anos, Novoneyra trasládase a Madrid onde se matricula na Facultade de Filosofía e Letras. En 1951 regresa para facer o servizo militar, e entre 1953 e 1962 vive de novo en O Courel obrigado por unha doenza pulmonar que o tivo ás beiras da morte. Entre 1962 e 1966 volve a Madrid onde traballa na radio e na televisión. En 1973 casa con Elba Rei con quen tivo tres fillos que residían entre O Courel e Lugo. Instálase definitivamente en Santiago de Compostela en 1983.

En 1955 publica o seu primeiro libro de poemas, Os Eidos, con prólogo de Ramón Piñeiro. Seguíronlle Elegías del Caurel y otros poemas (1966), en edición bilingüe, e Poemas caligráficos. En Muller para lonxe reúne poemas de amor xa publicados e outros inéditos ilustrados con debuxos de Carlos Pardo Teixeiro e un epílogo de Claudio Rodríguez Fer. Ademáis da súa incursión na narrativa para nenos, destaca a oralidade da súa poesía que adquire matices especiais cando o mesmo poeta recitaba os seus propios versos.

O poeta foi elixido presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, un cargo de ocupa ata o seu falecemento en outono de 1999. Novoneyra foi un poeta de entrega total, pero non de minorías, xa que sempre tivo unha gran preocupación pola comunicación co pobo.

0 comentarios:

Entrada más reciente Entrada antigua Inicio